“GÚSTANME MÁIS OS MOLINILLOS QUE OS MUÍÑOS DA MANCHA. PREFIRO VER A SILUETA DUN MOLINILLO QUE A DUNHA REFINERÍA”

Esta afirmación pertence a Francisco Cuadros Blázquez, catedrático do departamento de Física Aplicada da Universidad de Extremadura, na conferencia El sistema energético actual que se celebrou o 21 de novembro na Casa Domus da Coruña e que estaba organizada pola Casa das Ciencias dentro do II Curso de Formación en Actualidad Científica.
Francisco Cuadros defende así a existencia dos numerosos muíños eólicos que, cada vez máis en España e, especialmente en Galicia, xa forman parte da nosa paisaxe e que supoñen unha das potencias máis baratas de tódalas enerxías renovables.
Ante as críticas, de modificar o medio ambiente, que lle xorden a este tipo de enerxía, o catedrático, manifesta que toda enerxía altera o medio ambiente pero sempre hai que poñer na balanza o que se gaña e o que se perde con cada unha delas. Así, sería preferible o impacto ambiental (reversible) da enerxía eólica , co que esta supón (choque visual, ruídos...), que a contaminación ambiental das enerxías non renovables, como as petroleiras, que non ten volta atrás.
Trátase, segundo Cuadros, de ir en busca do equilibrio:
"Se o que desexamos é un óptimo económico e medioambiental non queda máis remedio, por agora, que recurrir ás fontes de enerxía renovables."
Ademais, debemos ter moi presentes os problemas de sostenibilidade que se aveciñan: en 40-50 anos acabarase o petróleo, en 30-50 o gas natural, ó carbón quédanlle uns 200 anos e a enerxía nuclear, que moitos defenden e outros moitos atacan, parece un dos poucos remedios posibles, a curto prazo, se non se pon maior énfase en que as enerxías renovables acaben de despegar e se consoliden como unha verdadeira alternativa.
