TEMPO PERDIDO, INÚTIL
Opinión|Cavilando

Moita xente está (estamos) fartos de Ana María Ríos. Cansos de tanto ir e vir de espidos, programas varios, pasarelas e libros biográficos. Somos as mesmas persoas que aplaudimos ou demonizamos á «galega de Cancún». Logo a enchente que berramos aos catro ventos non ha ser tal.
É acusada de aproveitada. Quizais sexa así. Aproveitouse, se cadra, dunha panda de pailáns (conxunto no que me inclúo a primeira) que lle demos ao topless carrete espeso e axudamos a que os actos da rapaza, que tanto se critican, estean adquirindo unha relevancia que non lles compete.
Ana María pode ter culpa. Pode ser culpable de destapar a caixa dos tronos, pero cada un de nós ao falar do tema sómolo máis. Ela é libre de facer o que lle pete e os demais debemos optar por darlle importancia ao que fai ou ignoralo.
O verdadeiramente grave é que aínda nos siga a chamar a atención un corpo semiespido (nin sequera totalmente nu). ¿Que significa isto? ¿Volvemos ao morbo dos anos do destape? Somos un país de ignorantes, que camiña cara atrás coma os caranguexos e esaxera as súas reaccións dun xeito totalmente incongruente. País de miróns que poñemos a caer dun burro aquilo ao que logo non paramos de darlle corda.
Estamos nunha sociedade que todo o frivoliza. O tema Ana María xerou ríos de tinta mentres feitos verdadeiramente importantes como as guerras, a fame, os accidentes de tráfico... pasan inadvertidas.
E paro xa porque ao seguir escribindo disto estou contribuíndo a darlle protagonismo e considéroo tempo perdido, inútil.
