Entrevista | Rocío Brage

Mostra a súa obra na exposición fotográfica «Nebula», na Galería Sargadelos de Ferrol

[Foto: Ovidio Naveira]

Rocío Brage, ferrolá de Canido, é filóloga ademais de técnica superior en fotografía, a súa grande paixón. O oito de febreiro inaugurou a súa primeira mostra, Nebula, en solitario.

-Vostede xa estivera nalgunha mostra antes pero nunca soa. ¿Como xurdiu a idea?
-En exposicións colectivas síntome arroupada por outras persoas pero en solitario fáltame esa protección e dame vertixe. Pero esta vez Verónica Martínez Delgado, a directora da Galería Sargadelos, animoume nesta aventura ao ver o meu traballo.
-A súa obra titúlase «Nebula». ¿Por que ese nome?
-Collín esa palabra directamente do latín co significado de vapor, brétema... Así é a miña obra, pequenas sensacións imprecisas.
-¿Que temática ten a fotografía que exhibe?
-Fotografío aquilo que me chama a atención, obxectos pequenos pero ningún tema en concreto. Sobre todo interésame a primeira visión dun sitio, sen coñecelo, a súa pureza.
-¿Que lugares escolle para tirar as súas fotos?
-As fotos céntranse en viaxes pero poderían facerse en calquera sitio, tranquilamente en Ferrol. Viaxar para min é unha excusa para fotografiar. Viaxo sempre soa cando teño a intención de facer fotos. Papo un montón de quilómetros, por exemplo en tren, o que me permite coñecer xente que ten cousas que contar. As experiencias imprevisibles e a aventura encántanme.
-Supoño entón que as fotografías que compoñen a mostra son froito dalgunha viaxe.
-Forman parte de dúas viaxes. Unha por un pedazo grande da Península e outra por Berlín, á que pertence unha serie sobre manequíns na que buscaba a figura humana. Será polo de viaxar soa...
-¿Que hai detrás das súas composicións?
-As miñas fotos son pequenos retazos de cousas que din máis de poesía que do que se ve. Son unha viaxe interior moi grande. Facer unha foto é algo máis que darlle a un simple botón. É sacar algo que levas dentro. As fotos falan das persoas que as facemos.
-Entón, ¿como se debe entender a súa obra?
-A miña obra non se comprende, non se explica. Hai que ver máis alá. E se miras máis lonxe vesme a min. Por iso non me gusta moito expoñer porque entón móstrome tal como son. É algo moi persoal.
-¿A quen ten como referente neste mundo artístico?
-Vari Caramés é un referente para min. Ademais axudoume a organizar esta exposición. Gústame a súa linguaxe poética, fina, expresiva pero tamén incomprendida.
-Volve falar de poesía...
-Si, apaixóname. É o que me queda da miña formación como filóloga.

Algunhas obras da artista:


O balcón de Helga

Torre de Babel


Tranvía a la Malvarrosa