
A súa orixe
Esta máquina naceu da fusión de varios utensilios. No ano 1869, Auguste Chavey e Étienne Jules Marey, crean un cardiograma capaz de medir o ritmo cardíaco e no ano 1902 James Mackenzie inventa outro artefacto capaz de calcular o pulso xugular. Pero non foi ata o 1915 cando o investigador William Moulton Marston, catedrático da Universidade de Harvard, desenvolve o primeiro detector de mentiras, realizando medicións da presión sanguínea. Seis anos despois, en 1921, John A. Larson, un estudante de Medicina da Universidade de California, comeza a chamarlle polígrafo e vánselle engadindo as restantes medicións.
Na actualidade, os expertos traballan en novos e máis avanzados sistemas para dar coa mentira no home, como a medición das diferenzas de temperatura que se producen ao redor dos ollos dunha persoa cando non di a verdade ou a colocación de eléctrodos na cara e no coiro cabeludo para transmitir as ondas cerebrais. Pese a todo, a fiabilidade destas técnicas non chega ao 100%.
O detector de mentiras ten unha ampla traxectoria no mundo do espectáculo. Non só no cine, tamén na televisión onde se presentou e presenta como certo o que para a ciencia non o é con absoluta certeza.
H. Campos, E. Sande| Texto

Escribe un comentario