Salto á fama
O primeiro en quitarlle o po ao polígrafo foi Julián Lago que a comezos dos anos 90 —época de Las mamachicho e do programa de Gil y Gil— levou a un plató este mecanismo e, baixo o título pouco orixinal de La máquina de la verdad (1993), mostrou en Telecinco as supostas verdades e mentiras do artisteo da época a golpe de «non me conteste agora, fágao despois da publicidade» marcando un fito televisivo e sentando as bases dos polígrafos mediáticos e do telenoxo que estaba por chegar.
Dez anos despois, Leticia Sabater nun programa local, adiantándose ao bum actual, tiña como máquina da verdade un secador decabelocon luces de cores intermitentes. Viría despois, no 2004, La hora de la verdad, en Antena 3, onde Alicia Senovilla daba a oportunidade a parellas anónimas de demostrar a veracidade das súas historias. Este programa, que regresou á grella da cadea o pasado mes de maio da man de José Ángel Ponsoda, emítese a noite dos luns.
Pero isto non é todo. As modas volven e a do uso da máquina da verdade nos espazos televisivos faino con forza e multiplícase. No pasado xullo Antena 3 estreaba o programa En Antena, conducido por Jaime Cantizano, que inclúe unha sección dedicada ao polígrafo e que chegou a rexistrar na súa franxa horaria 1,7 millóns de espectadores (23,3%). Ante isto, Telecinco, uns meses despois, decidiu contraatacar e levar a A tu lado, de Emma García, outra réplica de La máquina de la verdad. Ambos magacines, que comparten horario todas as tardes, fan que famosillos se sometan ao detector e fagan confesións sobre amoríos, embarazos, enganos á parella e ligoteos varios. E, se isto non fose suficiente, Antena 3 ameaza con denunciar a Telecinco por intrusismo e competencia desleal.
H. Campos, E. Sande| Texto

Escribe un comentario