Mario
Tesoiras, mariquitas e fixo
Cando era pequena entusiasmábanme as tesoiras. Non sei se o feito de que miña nai sexa perruqueira tería algo que ver niso.Sen embargo, non me chamaba cortar o pelo coma a outros cativos que fan un verdadeiro cataclismo nas súas cabeleiras. Non, o meu era o papel. Co papel e as tesoiras sorríanme os ollos. As miñas preferidas eran unhas pequerrechas, con algo de punta (un auténtico tesouro cando caían nas mans dunha pulguiña coma min. Facíanme sentir importante, maior). Recortar todo aquilo que pillaba encantábame. Pero non había nada equiparable ás mariquitas (recortables de papel). Eran xeniais!


Fai uns días tropecei cun feixe de mariquitas nun chino e sorrín. Facía anos que non vía recortables á venda nos quioscos ou nas librerías, tampouco a nenos xogando con elas. Por iso apañei dous cuaderniños e decidín facer un pequeno agasallo sen saber se causaría o entusiasmo que ese feixe de papel xeraba en min fai unha chea de anos. Días despois unha voceciña a través do fío telefónico dábame as grazas porque:
-“Gustáronme moito as mariquitas. Moito, moito. A Lara tamén pero máis a min. Un beso”.
Mario pasara toda a semana dándolle a tabarra á súa nai para chamarme e dicirme que estaba feliz co recortable. A Lara –súa irmá- tamén lle fixeran graza pero non tanta.
Non pensei que aos nenos de agora algo tan rudimentario coma iso tamén lles puidera gustar ata tal punto.Segundo súa nai: “ás veces cando os nenos teñen de todo o máis sinxelo é o que verdadeiramente lles chama”. E apuntou algo interesante: “Non sabes ata que punto poden gozar os cativos se os deixas enredar cun rolo de fixo (cinta adhesiva). Pensa en cando eras pequena e non che deixaban andar con el… Era un tesouro”.
Cavilo e… canta razón tes Chus! O máis marabilloso do mundo para un neno é fedellar naquilo que semella ser de rapaces algo maiores e o máximo xa é que a un lle deixen facelo, que os maiores confíen neles e fáganos sentir responsables.
O “grazas” de Mario emocionoume e volvín revivir aqueles intres felices da infancia. Grazas a ti Mario, moitas grazas por ser un neno tan especial.
