Primeiro de xuño

Pasaron xa oito anos desde aquel primeiro de xuño en que abuela Lola morreu. Sen embargo o paso do tempo non fixo que ninguén na casa esquecéramola nin un chisco. Constantemente está presente nas nosas conversas, nos nosos recordos e, por suposto, nos nosos corazóns.
Hoxe levámoslle flores, as súas flores, flores da súa horta. Dende logo non habería outras que lle gustasen máis.
Fai oito anos describín así como me sentín coa súa morte:
FOISE
Sentíame totalmente baleira, acababa de perder a alguén e a desesperación apoderábase do meu ser. A súa visión exhalando o seu último minuto de vida, a súa cara compunxida e, finalmente, a tranquilidade que se lle adiviñaba no rostro xusto no momento de marchar, era demasiado para min. A man que eu estaba a suxeitar perdera toda a súa forza e a vida escapábaseme das mans. Nada podía facer, a miña impotencia ante as leis naturais da vida e da morte era total.
Tiña gañas de berrar, de pedirlle explicacións, de ordearlle que se erguera, prohibirlle que se fora... Por que? Como podía facerme algo así?
Durante meses, esa imaxe non me abandonou, era a miña máis fiel compañeira, arrastrábame con ela e non me deixaba avanzar, continuar coa miña vida. A sensación de soidade e desamparo estaba presente a cada instante, sentía unha grande ausencia, a ausencia da súa vida, da súa presenza, da súa face, do seu sorriso, das súas palabras, das súas queixas...
En todo notábase a súa falta: unha habitación deserta, un sofá baleiro, un prato ausente na mesa... Só estaba presente e seguía a vivir no recordo, no meu recordo, nos nosos recordos.
Pouco máis hai que dicir...

homesdepedraenbarcosdepau dijo
O baleiro que deixan os nosos seres queridos cando finan, nunca se volve a ocupar, por nada, nin por ninguén.
Cada un que marcha, vaise levando con el , un anaquiño de nós .
Pero como se soe dicir , a vida continua , e nós temos que seguir , e de feito seguimos vivindo , a pesar dos anacos que nos faltan.
Apertas
4 Junio 2008 | 06:30 PM