Cando eres cativo tes nun pedestal a unha serie de xente á que veneras e ves coma deuses. Persoas cercanas ás que soñas con parecerte e polas que sentes un cariño moi especial. E pola cabeciña dese ratiño pequecho que es pasa iso de "quero ser coma...". Ai!, cantas e cantas veces os teus ollos non viron neles a perfección!
E de repente: Zas! De golpe e porrazo medras e ao medrar as cousas xa non son brancas ou negras. Aparecen os grises, os matices... Esa sublime perfección vai esfumándose e nalgún caso non queda nada dela. Só a decepción: "Ogallá non me pareza nunca a eles".
Ogallá!
Porque todo era fachada.
Pero sempre queda xente marabillosa que non era tan rechamante nun primeiro momento pero na que pouco a pouco comezaches a fixarte. Eles son quen verdadeiramente brilan pola súa bondade. Eles si merecen a pena. A eles si hai que loitar con tódalas forzas para asemellarme aínda que só sexa un pouquiño.
Ogallá!
Porque son transparentes.

Escribe un comentario